Construída no século XII na beira do río Sar é, xunto coa a Catedral, a igrexa que conserva a maior parte da súa primitiva fábrica románica.
No exterior chaman a atención os robustos arcobotantes construídos entre os séculos XVII e XVIII para protexer os muros setentrionais e evitar a súa derruba. Ben fose por un erro técnico na construcción, pola atrevida elevación das naves laterais, polo corremento do inestable terreo sobre o que se asenta e que decote é asolagado polo río ou por vontade dos que traballaron na súa construcción, os muros e as columnas interiores están visiblemente inclinados, o que lle confire un singular atractivo e obrigou a refacer a bóveda de canón no século XVI.
O interior, de fermosas proporcións, impresiona a todo aquel que o visite pola inclinación das columnas cara ás naves laterais, dando sensación de inestabilidade. A pía bautismal, á dereita da porta principal, é unha interesante peza arqueolóxica do século XII.
A través da sancristía pode accederse ao claustro, o único de estilo románico na cidade. Só se conserva unha das ás, o resto pertence aos séculos XVII e XVIII. Dentro exponse unha boa colección de pezas arqueolóxicas e litúrxicas.