Este destino abarca os municipios de Antas de Ulla, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Monterroso, Outeiro de Rei, Palas de Rei, O Páramo e Rábade. Dende o punto de vista xeográfico atopámonos ante un territorio domindado pola característica paisaxe da meseta lucense, atravesada polos cursos fluviais dos ríos Miño, Narla, Chamoso, Neira e  Tórdea, entre outros. No sector leste, o municipio de Castroverde anuncia a transición cara as serras orientais coas Serras do Miradoiro e o alto da Bacariza. Polo oeste, a Dorsal Galega perfila os rebordos das Serras do Careón e da Cova da Serpe. No municipio de Antas de Ulla, na parroquia de Nugallás, atópase o centro xeográfico de Galicia. Ademais, a parroquia de Olveda acolle o nacemento do río Ulla.

No que se refire ao patrimonio natural, o territorio forma parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño, que acolle as características paisaxes fluviais das insuas do Miño na contorna de municipios como Rábade e Outeiro de Rei e esténdese ata a Serra do Careón, espazo natural integrado na lista de lugares de interese xeolóxico do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España.

Do patrimonio cultural destaca a presenza de vestixios que permiten reconstruír algúns dos períodos máis significativos da Historia, caso da Vía Romana XIX, fortalezas como a de Castroverde, San Paio de Narla e o Castelo de Pambre; arquitectura relixiosa como as igrexas de Vilar de Donas, San Miguel de Esporiz e San Cristovo de Novelúa, o Mosteiro de Ferreira de Pallares, a igrexa de Friolfe e bens do patrimonio civil que nos achegan ao esplendor do Antigo Réxime como os pazos da Ulloa.

O legado xacobeo tamén está presente no destino, atravesado por tres rutas declaradas Patrimonio da Humanidade: o Camiño Norte, no municipio de Friol, o Camiño Primitivo (municipios de Guntín e Palas de Rei) e o Camiño Francés, nos municipios de Monterroso e Palas de Rei.

No referente ao patrimonio inmaterial, pola súa relevancia turística, cómpre destacar a tradición artesá ligada á olaría de Bonxe en Outeiro de Rei, e tamén as numerosas feiras e festas relacionadas coa tradición agrícola e gandeira do territorio, como é o caso da Feira de Santos de Monterroso, a feira do Queixo e do Pan de Ousá de Friol ou a feira do queixo da Ulloa, completan a oferta turística dunha provincia multidestino.

 

DESTACADOS DA COMARCA DE LUGO – TERRAS DA ULLOA

  1. CASTELO DE PAMBRE EN PALAS DE REI
  2. FORTALEZA DE SAN PAIO DE NARLA EN FRIOL
  3. MOSTEIRO FERREIRA DE PALLARES EN GUNTÍN
  4. PENAS DE RODAS EN OUTEIRO DE REI
  5. ÁREA RECREATIVA DA PENEDA EN MONTERROSO
  6. INSUAS DO MIÑO EN RÁBADE E OUEIRO DE REI
  7. TORRENTES DE MÁCARA EN PALAS DE REI
  8. TORRE FORTALEZA DE CASTROVERDE
  9. SANTA MARÍA DE VILABADE EN CASTROVERDE
  10. PETRÓGLIFOS DO MONTE FARELO EN ANTAS DE ULLA