O Convento foi fundado polos VII Condes de Lemos, don Pedro Fernández de Castro e dona Catalina de la Cerda y Sandoval no ano 1622.
As encargadas deste Convento son as monxas Clarisas, son mestras no bordado e excelentes reposteiras e licoreiras.
Por ser un convento de clausura a maior parte das súas estancias non son visitables. As únicas abertas ao visitante son o Museo de de Arte Sacro e a igrexa en horario de culto. A igrexa actual é unha ampliación da orixinal realizada no S.XX e presenta cantería ben labrada e detalles do gótico en portas e fiestras, así como na configuración da orden presbiterial.
O Museo de Arte Sacra das Clarisas é un dos máis importantes de España en Arte Sacra. Inaugurouse en 1977 tras acondicionar as estancias que antigamente ocupaba a enfermería do convento. Nas paredes do museo aínda se poden ver os armarios nos que se gardaban os medicamentos, sabas e demais instrumentos precisos.
Moitas das pezas que alberga o Convento foron traídas polos VII Condes de Lemos do seu vicerreinado en Nápoles a principios do S.XVII. Outras pezas foron engadidas por membros da familia posteriormente. As súas cinco salas conteñen magníficas obras de escultura, pintura, marfil, téxtiles e praterías. As máis destacadas son do taller do escultor Gregorio Fernández, concretamente a Inmaculada e o Cristo Xacente.