Lugar de encontro entre a natureza e o pasado, Santomé é un magnífico bosque autóctono que esconde un xacemento arqueolóxico onde conviven a cultura castrexa e a galaico-romana.
A escasos tres quilómetros do centro urbano atópase este complexo arqueolóxico, imprescindible para coñecer unha parte fundamental do pasado da cidade. Nel concorren os valores históricos (característicos dun complexo xacemento arqueolóxico) cos naturais, derivados dunha contorna que non só conserva unha vexetación peculiar senón que goza dun emprazamento privilexiado, con impresionantes vistas sobre a cidade.
Desde unha perspectiva arqueolóxica, Santomé destaca por ser un dos poucos exemplos da Península onde aínda se pode observar a convivencia, no tempo e no espazo, de dúas culturas moi diferentes: na parte máis elevada, restos dun castro, poboación fortificada propia da cultura castrexa (pobos da Idade de Ferro); na chaira, unha típica vila galaico-romana. Esta zona foi ocupada entre o século I e o V d.C., o que pon de manifesto como os modos e formas romanas conviviron en perfecta simbiose coas tradicións anteriores, creando modelos que sobrevivirían moito tempo na Galicia rural.
A súa situación privilexiada sobre o río Loña (que actuaría como un elemento defensivo máis do castro) proporciona unha espléndida vista sobre a cidade e as «marmitas de xigante» que o río modelou na pedra.
Pero ademais, Santomé é un fermoso exemplo de bosque tradicional do val ourensán, de clara tendencia mediterránea, no que destacan os carballos mesturados coas sobreiras, aciñeiras e variedades de piñeiros, ademais dunha gran cantidade de érbedos. Atópase nun promontorio rochoso sobre o río Loña, que actuaría como un elemento defensivo máis do castro: ao visitar o lugar, paga a pena bordealo para gozar das vistas sobre as «marmitas de xigante» do río, enormes pedras erosionadas polos remuíños da auga.
Un percorrido cronolóxico
Desde o punto informativo, o camiño penetra na croa do poboado castrexo, no que as escavacións arqueolóxicas do ano 2000 descubriron unha unidade completa do mesmo, a modo de barrio, no que a través dunha rúa central e unha praza vanse articulando diferentes vivendas (superpostas algunhas delas) que abarcan un período desde o século I ao II d.C. Na parte superior atopouse tamén unha torre fortaleza que daba acceso ao mesmo. En 2019 ampliouse a zona escavada na aba sur do castro, atopándose unha serie de construcións do século I d.C., entre as que destacan un gran lagar e un espazo porticado. A mediados do s. III d.C., tras un século de abandono, este espazo foi reutilizado para actividades produtivas, existindo unha ferrería e unha telleira que se manterían até o s. IV d.C., cando un gran incendio destrúe todo este sector.
Sáese do poboado por unha rúa empedrada da que se conservan máis de 30 metros do trazado orixinal. As primeiras construcións fóra do poboado castrexo xorden nos lados norte e oeste a mediados do s. I d.C., e presentan unha marcada influencia romana que as diferencia das existentes na croa nese momento. Ao igual que o castro, está zona sería abandonada a mediados do s. II d.C. Porén, no século III d.C. volvería habitarse con novas construcións sobre as ruínas das edificacións anteriores. Trátase de dúas vivendas nas que se observan características propias das vilas romanas, en canto a que están organizadas arredor de patios centrais e que presentan un certo nivel de confort e mesmo luxo.
Así, a primeira casa (que se atopa preto da caseta informativa) conserva o patio, que lembra o atrium romano. Na segunda destacan dous elementos poucos habituais no panorama arqueolóxico galaico-romano: os restos dunha edificación con piso superior (da que se conservan algúns chanzos da escaleira de acceso) e unha trébede. Trátase dun excepcional sistema de calefacción a modo de banco calefactado, que deriva do hipocaustum romano e do que non se coñecen sistemas semellantes no territorio galego, pero que, curiosamente, sobreviviu nas vivendas tradicionais de Terra de Campos (Castela e León).