O 24 de xullo de 1948 tivo lugar a 1ª Singradura da “Festa da Dorna” de Ribeira, celebración declarada de “Interese Turístico de Galicia” no 2005. Dende a súa fundación, ten como sinais de identidade a imaxinación nas actividades, a participación e o humor matizado pola ironía retranqueira, todo nun aparentemente caótico e carnavalesco fluír festivo,“a marea dorneira”. Nese ambiente festeiro ateigado de ”capachos” de ledicia, a cultura popular materialízase chea de modernidade e tradición.
Dende os seus inicios, a festa navega pola historia capeando temporais ao igual que a embarcación que lle da nome. A dorna, embarcación, dise dela que “é moi mariñeira”; “A Dorna”, a festa, “é a máis rachada”, a máis rompedora, cantan no seu himno. A festa que reuniu no seu primeiro ano a unhas ducias de veciños e veciñas é hoxe punto de encontro e lecer de miles de persoas chegadas dende toda Galicia e cada vez máis coñecida e recoñecida en toda España e máis alá.