Construída no século XIV no alto da cidade (onde aínda se conserva o fermoso claustro), trasladouse en 1929 ao Parque de San Lázaro.
A fachada presenta no corpo superior un rosetón, e a porta, decorada con triple arquivolta, atópase centrada con dous contrafortes. Columnas de fuste liso e estriado con capiteis fitomorfos, zoomorfos e mesmo antropomorfos (un gaiteiro) decoran a portada.
A igrexa, dunha soa nave e cun interior recuberto de madeira, conserva sepulcros góticos do século XVI, pertencentes á familia Noboa, señores de Maceda, e á dos Cadórniga. De final labra, neles prodíganse as armaduras e brasóns nobiliarios.