Pequeno templo tardorománico de expresión rural que aínda contén na súa estrutura moitos dos seus elementos arquitectónicos, pintura mural e testemuños sepulcrais, dos que destacan dous sarcófagos con tapas a dúas augas monolíticas, correspondentes á época da súa construción, a finais do século XIII.
Beneficiándose de ser a igrexa de presentación do Mosteiro de Santa María de Pombeiro, as súas reformulacións e decoracións acompañan as obras realizadas no mosteiro, ata a extinción das ordes relixiosas en 1834.
Esta igrexa está catalogada como Monumento de Interese Público dende o 24 de decembro de 2012.