O visitante pode gozar, a poucos minutos do centro do Barco, dun lugar silencioso, recollido e con moito encanto. A cruz de Malta esculpida sobre a porta principal da igrexa de San Miguel (Século XII), recorda que foi lugar administrado pola Orde de San Xoán de Xerusalén. A porta sur e a ábsida semicircular, con fiestra xeminada e canzorros historiados, deixan constancia da orixe románica.

O Mosteiro é unha sobria construción do Século XVIII, convertida en moderna adega para a elaboración de viños de godello. Nas súas proximidades hai unha casa restaurada, cunha adega-cova escavada na rocha. Seguindo o río augas arriba chegaremos a un lugar cheo de maxia: unha rústica ponte dun arco ao pé das ruínas dunha acea, entre a mesta vexetación e o son das augas do río Mariñán.