Situado practicamente no leito do río Miño, trátase dun espazo de baño ao aire libre ao pé dun antigo muíño en madeira (unha acea) totalmente restaurado, do cal toma o nome.
Forma parte do Paseo Termal da cidade de Ourense, e está rodeado dunha ampla zona verde recreativa, que se funde coa vexetación de ribeira do lugar.
O conxunto fórmano cinco piscinas: un vaso principal de 200 m2, un segundo de 130 m2 e outros dous máis pequenos de 55 e 45 m2, ademais dun vaso de auga fría para baños de contraste.
A zona de baño dispón de vestiarios con consignas e aseos a disposición dos usuarios. O acceso é gratuito aínda que existe un límite de capacidade.