O antigo convento de Santo Domingo de Bonaval, situado nun outeiro extras muros da cidade histórica, xunto ao camiño polo que os peregrinos chegaban a Compostela, acolle hoxe o Museo do Pobo Galego, que a través dun amplo e variado conxunto de pezas ofrece unha panorámica das manifestacións máis representativas da cultura propia de Galicia. Nas súas salas permanentes móstranse diversos aspectos do mundo do mar, os oficios tradicionais, o campo, a indumentaria e a arquitectura popular. Dispón, ademais, de seccións de arqueoloxía, pintura e escultura galegas. Regularmente organízanse exposicións temporais de temática diversa.
O Museo do Pobo Galego constituíuse baixo os auspicios dun Padroado integrado por entidades e persoas que traballan nas distintas áreas da cultura galega e por representacións de institucións públicas e académicas. Inaugurouse en outubro de 1977, no edificio cedido polo Concello de Santiago de Compostela.
O antigo convento de Bonaval, fundado no século XIII por San Domingos de Guzmán, foi reconstruído en estilo Barroco nos séculos XVII e XVIII. A parte máis notable foi proxectada polo arquitecto Domingo de Andrade. No interior pódese admirar unha orixinal escaleira helicoidal triple.