Ocupa o antigo “Hospital de Sancti Spiritus” ou do Arrabal, do que xa hai constancia documental en 1583. A fachada actual pertence a unha reforma realizada a mediados do S.XIX. Conserva un bonito patio central e unha galería na primeira planta. En 1772 o hospital foi doado á Orde de S. Xoán de Deus que o ocupou durante ese século e as dúas primeiras décadas do S.XIX.
Dende 1821 pasa a ser Casa do Concello ata o ano 2001.
Tras unha reforma integral desta instalación, onde se diseña un novo espazo museístico como promoción e coñecemento da cultura dos viños da Ribeira Sacra. Ten unha tenda con gran variedade de viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Tamén neste inmoble se atopa a Oficina de Información Turística Municipal.
O espazo museístico pretende adentrar ao visitante nos elementos naturais propios da Ribeira Sacra: terra, auga, sol, néboas,…. para entender a importancia de cada un deles. Un dos sinais de identidade da Ribeira Sacra son as bancadas, a escaleira, os muros, os socalcos,… que estarán presentes en grande parte da exposición, amosándonos un extenso estudo do viño e da Ribeira Sacra cos máis modernos medios audiovisuais.
Realizaremos unha viaxe polo patrimonio artístico, histórico e natural da Ribeira Sacra: a arquitectura civil, a natureza, o románico e os mosteiros, as adegas, as festas, tradicións, artesanía e o seu vencellamento co Camiño de Santiago.
Esta innovadora exposición permanente, indaga sobre a cultura do viño. As lendas do tempo, as paisaxes, as terras da Ribeira Sacra, os nosos viños, cada vez máis aclamados internacionalmente. Nunha visita guiada, vostede poderá gozar das fotografías, vídeos, esculturas, pinturas, sons e luces, e descubrir a verdadeira historia do viño que forma parte da vida das xentes de aquí, conformando a súa personalidade, así como eles conforman a do viño.