Coñecido baixo o acrónimo de MIHL, este moderno edificio converteuse en referente internacional da arquitectura contemporánea, e nel, en palabras dos seus arquitectos o estudio Nieto y Sobejano, arquitectura e paisaxe fúndense nunha proposta dun museo-parque ou dun parque-museo.
Actualmente alberga un contido expositivo permanente que repasa a evolución histórica da cidade de Lugo mediante recursos audiovisuais, maquetas interactivas e paneis informativos. Tamén conta cunha pequena selección de pezas arqueolóxicas entre as que destaca o monolito granítico que recolle a inscrición fundacional da cidade, mandado levantar por Paulo Fabio Máximo en honor ao emperador Augusto.
Tamén se exhiben outras pezas de interese, como unha máscara teatral de terracota e un conxunto de pezas epigráficas e cerámicas.
O MIHL conta tamén cunha amplia programación de exposicións temporais e de actividades culturais e didácticas.