A parroquia de Santa María de Niñodaguia pertence ao Concello ourensán de Xunqueira de Espadanedo, e é coñecida internacionalmente por ser un lugar emblemático na execución e mantemento de técnicas oleiras.
Os “cacharreiros” de Niñodaguia, tamén coñecidos como “xarreiros” ou “calleiros” mantiveron a súa cerámica tradicional grazas á abundante e peculiar arxila do Monte do Baro, en Veigachá. A arxila, cun alto contido en caolín, e as temperaturas ás que se someten as pezas durante a cocción, danlle a esta olería a cor, a lixeireza e o son que a diferencian doutras olerías, achegándoa á porcelana.
As potas de Niñodaguia son pura alquimia; A terra, a auga, o lume e o aire transfórmanse en arte grazas á sabedoría ancestral do cacharreiro, un demiurgo que coas súas mans libera a alma da materia.
No Museo-Obradoiro podemos facer unha viaxe ao corazón da olería, visitar os antigos fornos, descubrir os usos da súa vaixela ou afondar nos segredos da roda rápida.
Recoméndase a reserva previa, que se pode facer a través da seguinte ligazón https://entradas.ribeirasacra.org, ou chamando ao teléfono de contacto.