O Pazo de Tor é un dos museos imprescindibles nunha visita ao noso concello. O Pazo atópase na parroquia de San Xoán de Tor, a 8 quilómetros da cidade do Cabe. As súas orixes remóntanse ao século XIV e á familia dos Garza, aínda que a construción do Pazo corresponde ao último tercio do século XVIII, sendo o barroco e o neoclacismo os estilos predominantes. Na actualidade, as instalacións forman parte da Rede Museística Provincial, despois de que a última fidalga de Lemos, María Paz Taboada de Andrés y Zúñiga o legase á Deputación Provincial. A condición para esta doazón foi que se abrise de balde a todos os monfortinos visitantes e se mantivesen, segundo o establecido, o mobiliario, a distribución dos enseres e as obras artísticas.
En xullo do 2006 o Pazo abríase ao público como museo, despois dunha profunda restauración na que se mantivo intacta a estrutura e distribución, e hoxe é lugar obrigado de visita para quen lle guste experimentar a vida doutra época. O Pazo é exemplo “vivo” das residencias señoriais galegas do século XVIII, trátase, polo tanto, dun museo etnográfico que nos transporta directamente a outro modo de vida. A última habitante, ata o seu falecemento no 98, María Paz Taboada y Zúñiga, mantivo o interior tal e como o coñeceu e así o legou.
Despois de atravesar o patio e subir a escaleira de pedra, accedemos ao interior e xa sempre acompañará o noso paso a historia. Pódese visitar, íntegramente, a práctica totalidade das salas, a sala de armas; o salón norte, presidido por un retrato de María Paz Taboada e cunha vitrina repleta de xoias antigas, abanos, reloxos de peto, pipas,… a sala de mediodía, a estancia máis luminosa da casa de cuxas paredes colgan tres grandes espellos; a sala de música con instrumentos de gran rareza como un claviórgano Longman & Broderip e un pianoforte Collard&Collard; o despacho do Pazo onde se atopan algúns dos exemplares máis valiosos da biblioteca do Pazo de Tor de case 3000 volumes editados entre os séculos XVI e XX; o cuarto do obispo; o cuarto infantil; a capela cun retablo rococó do último terzo do XVIII e, ademais doutras estancias, non podía faltar a zona de servizo, coas estancias dos criados, cocheiras, adegas, cortes, tullas e cabalarías.