Na rotonda de acceso ao polígono de Bértoa atópase esta obra do ano 2007, deseñada polo coñecido escultor e gravador carballés Manuel Facal, de sona internacional. As súas dimensións e cor destacan, nos días despexados, contra o horizonte azul. Mide 13,50 metros de altura e pesa 3.200 quilos. É un peixe vermello enorme, cunha cola de aceiro e feito case na súa totalidade de chatarra.
A creación de Facal representa un escalo, un peixe alongado de auga doce que vive na auga do río que nos cruza, o Anllóns. O autor doou a súa obra ao concello de Carballo, que sufragou o material e a man de obra necesarias para a súa construción. A escultura, como o resto de obras que Facal ten en Carballo, foi realizada en talleres da nosa vila. Pertence á mesma serie que a obra “O peixe”, situada na rotonda de entrada ao centro comercial.