Aínda que o parque recibe o nome xenérico da Alameda, componse de tres partes ben diferenciadas: o paseo da Alameda, a carballeira de Santa Susana e o paseo da Ferradura. A unidade así formada é, desde o século XIX, o máis importante punto de referencia dos paseos e do lecer dos santiagueses, caracterizada por ser un espazo moi acolledor, unha especie de salón natural.
A súa situación privilexiada, bordeando unha parte da cidade histórica e cunha magnífica perspectiva sobre a súa fachada oeste -a máis monumental-, converteuno no principal xardín urbano, destacado ademais pola variedade e porte das súas especies arbóreas e ornamentais, como o conxunto de carballos, os espléndidos eucaliptos ou a pérgola con vistas que compoñen os castiñeiros de Indias no paseo da Ferradura.
O paso do tempo foi deixando pegadas na súa ordenación espacial, como se pode apreciar no paseo central, con corredores para as distintas clases sociais do XIX; no case arco triunfal que dá acceso ao paseo dos Leóns, ou na disposición de terrados, fontes e estanques. E tamén nas súas edificacións decimonónicas, modernistas e actuais -capela de Santa Susana, igrexa do Pilar, pombal, quiosco da música, banco acústico, etc.-, na abundancia e formas das súas estatuas e esculturas, e no seu mobiliario, especialmente os bancos graníticos con artístico respaldo de fundición da coñecida fábrica galega de Sargadelos.