A Pincheira de Fervenza tamén chamada Pincheira de Portomao, é unha caída de auga duns 25 metros de altura situada moi próxima ao pobo de Fervenza, a uns 7 quilómetros do Barco. Tras deixar o coche na zona destinada para elo, accederemos á pincheira tras camiñar 2,5 quilómetros desde o pobo de Fervenza ata o devandito enclave por unha pista de terra que transcorre entre prados e castiñeiros.
No medio do camiño, atoparémonos co Miradoiro da Pincheira que conta cunhas impoñentes vistas ao val do Sil.
A pincheira, situada nunha contorna natural de gran beleza, pode verse en calquera época do ano xa que sempre ten auga independentemente da estación na que nos atopemos. Os últimos metros que nos achegan a ela, amosan impresionantes vistas do caborco de louxa que nos leva ata a fervenza. Nese caborco existen os restos dunha antiga ferrería que foi o xerme da poboación de Fervenza.
No medio do paseo desde Fervenza ata a Pincheira de Portomao atoparemos un desvío á esquerda que nos indica a distancia ata o pobo de Correxais. Se collemos o desvío camiñaremos 3 quilómetros por un carreiro de montaña ata chegar á devandita poboación e no medio atoparémonos cun banco/miradoiro realizado a man polos veciños do pobo de Fervenza que nos ofrecerá unhas vistas de vertixe do val do río Sil ao seu paso polo Barco e Vilamartín.
No mesmo pobo de Fervenza augas arriba da pincheira de Portomao, pode visitarse un muíño fariñeiro que moeu ata os anos 90 ao que se accede desde o pobo e desde unha senda que o une co camiño á Pincheira de Fervenza.