Un dos monumentos máis representativos do concello ocupa un lugar destacado no escudo municipal. A ponte medieval do Burgo construída na Baixa Idade Media coñeceu diferentes restauracións, a máis recente realizada no ano 1992 foi feita polos alumnos da Escola Taller “Ponte do Burgo”.
Camiñar por el como fixeron cabaleiros Templarios, xenerais británicos, piratas e mercadores, é lembrar a historia de Culleredo, de A Coruña e de Galicia.

Dos 11 arcos de medio punto con dovelas de cantería que forman a ponte, os dous do centro e os da marxe da Barcala pertencen á ponte orixinal. Consérvanse restos do pavimento orixinal descubertos durante a restauración.

Nun perpiaño na marxe cullerdense reprodúcense os escudos nobiliarios das familias Andrade e Moscoso, cuxos orixinais de finais do século XIV consérvanse na Igrexa de Santiago do Burgo . Tamén atoparemos un relevo conmemorativo que fai referencia á construción ou reconstrución da ponte patrocinada por Fernán Pérez de Andrade.

A ponte podería relatarnos centos interesantes historias das que foi testemuña e protagonista ao longo dos anos, como a da súa destrución durante a Guerra de Independencia no século XIX. En xaneiro do ano 1809 as tropas británicas comandadas por Sir John Moore, en retirada cara ás illas escapando do exército francés, propoñíanse chegar ata a cidade da Coruña para embarcar nos navíos de retorno. Tras cruzar a ponte do Burgo, o paso máis próximo para cruzar a ría e chegar á cidade, Moore ordenou voalo e así poder gañar tempo para a retirada. A pesar deste feito as tropas francesas comandadas polo mariscal Soult, conseguiron avanzar e enfrontáronse, días máis tarde, cos ingleses na coñecida Batalla de Elviña na que o comandante británico sería ferido de morte. Os dous contendentes conseguiron o seu propósito: os ingleses embarcar cara ás illas e os franceses tomar a cidade.