En 1998 péchase definitivamente a Ponte Vella á circulación rodada. Ao ano seguinte o Concello coloca a primeira pedra desta ponte, que se inauguraría o 1 de setembro de 2001 tras 28 meses de traballo. A súa inauguración non supuxo só un considerable alivio ao tráfico da cidade, senón que se converteu de inmediato nun símbolo do Ourense contemporáneo, a cidade en movemento que se asoma ao novo milenio.
Obra de estética marcadamente vangardista, o seu deseño leva a sinatura do arquitecto Álvaro Varela, e a súa execución a do enxeñeiro Juan M. Calvo. Destaca pola súa singular forma elíptica, en especial pola curiosa pasarela peonil que chega a elevarse 22 metros, dando lugar a extraordinarios miradoiros sobre o Miño e que lle outorga un carácter exclusivo, acrecentado pola súa espectacular luminosidade nocturna.