Esta ponte de orixe romana é un dos fitos históricos da cidade, ligada ás súas orixes. Cando se construíu foi un paso estratéxico, o único en moitos quilómetros para salvar o río Miño. Reconstruída no século XIII (de aí os seus arcos apuntados, rechamantes pola súa altura) e consolidada no século XVII, foi declarada monumento histórico-artístico no ano 1961, xunto coa próxima Capela dos Remedios. É paso obrigado no Camiño Mozárabe – Vía da Prata a Santiago de Compostela.
Segundo a tradición, data da época de Traxano. No entanto, as súas características construtivas achégano ao tempo de Augusto. Da primeira ponte romana só se conservan, como mudos testemuños do pasado, algúns perpiaños almofados das bases.
A primeira reconstrución da que temos constancia (1228-1229) foi patrocinada polo bispo Don Lourenzo co apoio do rei Fernando III. É entón cando se lle dá o perfil actual co arco apuntado e as ramplas en ascenso, aínda que a mala cimentación volverá provocar a súa ruína. A solución definitiva para a súa consolidación faise esperar até o século XVII, obra de Melchor de Velasco. Tivo tamén unha torre (que aparece no escudo da cidade) que foi derruída no século XIX. Unida á antiga ponte, coa que forma monumento histórico-artístico, atópase a ermida dos Remedios (s. XVI).