Esténdese ao longo de 53.664 hectáreas das serras orientais lucenses, abarcando os municipios de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá. Foi declarada pola UNESCO no 2006.
A Reserva conforma un territorio onde a biodiversidade de ecosistemas vén condicionada polos seus contrastes altitudinais de ata 1600 metros entre as súas maiores elevacións e os seus encaixados vales fluviais como o do Navia, o Ser ou o Rao. Foi a abrupta orografía do medio a que tradicionalmente dificultou o acceso a estas terras e a que, xunto coa súa baixa densidade de poboación, propiciou a conservación das súas paisaxes e a existencia de lugares onde o tempo parece discorrer ao seu propio ritmo.
No que respecta aos hábitas máis característicos da Reserva, sobresaen as masas forestais de especies como castiñeiros, carballos, bidueiros, capudres, acivros e teixos. Especialmente singulares son os faiais como o da Pintinidoira, o aciñeiral de Cruzul e o souto de castiñeiros de Agüeira. A Reserva atesoura tamén zonas de brezais secos e piornales que representan as zonas de matogueira.
A preservación dos espazos naturais permitiu que a Reserva sexa un territorio con condicións que propician a presenza de especies cinexéticas, as poboacións de lobo e especies en grave perigo de extinción como o oso pardo, que foi visto de paso nalgúns lugares da Reserva. No pasado, Os Ancares eran tamén o refuxio do urogalo, ave que pola súa alta vulnerabilidade considérase extinguida na zona.
Dentro do ámbito da Reserva da Biosfera inclúense outros espazos da Rede Natura galega como a ZEC Ancares – Courel ou o espazo natural Cruzul – Agüeira. Ademais, Os Ancares é Reserva Nacional de Caza, Zona de Protección do Oso Pardo, Paisaxe Pintoresca e Zona de Especial Protección de Aves.
Da riqueza cultural do territorio dedúcese a condición dos Ancares como testemuña do paso de civilizacións enteiras desde a Prehistoria. Posteriormente, o legado da romanización remitiranos aos elementos do patrimonio ligados á minería aurífera romana, como o castro de Santa María de Cervantes, e á presenza dunha importante infraestrutura viaria como é a Vía Romana XIX do Itinerario Antonino. Da Idade Media consérvanse tamén impoñentes vestixios como o castelo de Doiras, escenario de lendas que nos falan de princesas encantadas.
Dentro das actividades humanas destacan as relacionadas coa explotación dos seus recursos agrícolas, gandeiros e forestais. Así, e á vista da pegada que o home deixou no espazo natural, dedúcese unha extraordinaria capacidade de adaptación ás rigorosidades do clima e a orografía de montaña. Así o testemuñan elementos de arquitectura popular como os hórreos, os cortíns, os sequeiros e, en especial, as pallozas, vivendas tradicionais de planta circular ou elíptica cubertas con palla de centeo e habitadas conxuntamente por pesonas e gando ata os anos 70. Actualmente, algunhas pódense visitar trala súa conversión en museo constituíndo, sen dúbida, a icona que mellor identifica a estas terras.