As Termas de Outariz son unha das instalacións termais máis visitadas da cidade de Ourense. Inspirada na cultura balnearia de Xapón, o Onsen, que se basea nos principios de respecto e harmonía coa natureza. Lugar de paz e tranquilidade, trátase dun espazo onde gozar dunhas horas de relax e evasión ao alcance de calquera. O recinto termal, con capacidade para 180 persoas, dispón de 11 termas exteriores e 3 interiores organizadas en 2 circuítos.
A experiencia termal pódese completar cunha masaxe ou con algún dos tratamentos de beleza dispoñibles: baños aromáticos, chocolaterapia, viñoterapia, envolturas (barro, algas, té…), tratamento hidratante, peeling, etc.
A estación termal de Outariz dispón tamén de servizo de bar, disposto na zona superior das instalacións, cunha ampla terraza exterior onde gozar dun refrixerio e hidratarse despois do baño.