Trátase dunha fortaleza defensiva construída entre os séculos XI e XII como defensa de Galicia nas súas loitas entre Alfonso Henríquez de Portugal e Alfonso VII de Galicia. Atópase na comarca da Limia, nun punto estratéxico para a defensa das nosas tropas contra o noso veciño, Portugal. Este último entregoullo ao bispado de Ourense en 1157, que estableceu alí un mosteiro de frades xerónimos. No século XIV foi ocupada polo duque de Lancaster e pouco despois atacada polos irmandiños. Levántase no centro dunha plataforma correspondente a unha fortificación moito máis complexa da que só queda un muro arrasado. A súa planta é cuadrangular con boa cantería, porta con arco apuntado e ménsulas decoradas.
Desde o alto pódense ver perfectamente as torres de Sandiás, Pena e Celme que completaban o conxunto defensivo da zona. Atópase moi ben conservado e no exterior pódense ver as pequenas fiestras de vixilancia e as troneiras achafranadas que empregarían os arqueiros. No interior reconstruíronse as catro plantas con madeira, ás que se accede por unhas empinadas escaleiras. Na parte inferior hai un punto de información sobre a Vía Nova.