O proxecto pretende reunir cada ano o mellor da escena galega, estatal e internacional do mundo da arte urbana, para así facer da nosa vila un gran museo ao aire libre que irá medrando ano tras ano. O festival serve como unha xanela de Carballo aberta ao mundo, que sitúa no mapa a vila a través das súas rúas e favorece un turismo cultural diferente na zona urbana do concello.

Rexenera Fest actúa en cada edición como un axente rehabilitador contra o feísmo urbanístico e utiliza as rúas como un espazo de diálogo e de expresión artística. Rexenerando espazos deteriorados, achegándolle valor engadido á paisaxe urbanística, dinamizando o tránsito peonil e expandindo os espazos de lecer nas zonas nas que se está a intervir.

Durante unha semana, outro ano máis os/as artistas participantes estarán traballando en distintas localizacións, ás que os veciños, veciñas e visitantes poderán achegarse e apreciar a habilidade e todo o proceso artístico de cada obra.