A Muralla romana de Lugo foi declarada Patrimonio Mundial no ano 2000 por constituír o mellor exemplo vivo de fortificaciones militares do Imperio romano tardío conservado en Europa. As modificacións que sufriu ó longo das súas máis de 17 séculos de existencia non chegaron a alterar, substancialmente, o seu aspecto e trazado orixinal, que segue as directrices do enxeñeiro romano Vitrubio. É a única, en todo o territorio do Imperio romano, que conserva íntegro o seu perímetro e coa súa presenza determinou a historia e a evolución urbana da cidade de Lugo, incrementando e enriquecendo o seu interese cultural.
A Muralla rodea o corazón de Lugo, a antiga Lucus Augusti, fundada no ano 15 a.C. por Paulo Fabio Máximo en nome do emperador de Roma e foi a capital dun do tres conventos xurídicos romanos (xunto Astorga e Braga), que conformaban a provincia da Gallaecia e que se estendía até o río Douro. Esta cidade desempeñou un papel capital nunha rexión por aquel entón riquísima en ouro que Roma explotou, ata o esgotamento, en beneficio do tesouro imperial. Tres séculos despois, a estrutura urbana da cidade modificouse e desprazouse lixeiramente cara ao norte. Eran tempos críticos desde o punto de vista político e militar e foi nese momento no que se erixiu esta fortificación. A muralla ocupou unha zona de terreo topográficamente irregular, máis alta ao noroeste e en descenso cara ao sueste. Continúa sendo un enigma os motivos dese trazado, que deixou fose importantes zonas residenciais da antiga cidade romana e en cambio protexeu terreos escampados. A pesar das reformas sufridas, a Muralla mantén o seu trazado orixinal e as características construtivas que lle outorgan un aspecto masivo e recio propio do seu carácter defensivo.
A súa forma de rectángulo con ángulos redondeados supera os dous quilómetros de perímetro, 2.117 m., e protexe un recinto interior de 34,4 ha. Consérvanse 71 cubos ou torres dos 85 exteriores que tivo. A altura dos seus lenzos oscila entre os 8 e 10 m. e manteñen un espesor medio de 4,20 m. que alcanza os 7 nalgúns puntos. Ó recinto interior da Muralla accédese hoxe por dez portas que a atravesan, 5 antigas e outras 5 de traza e apertura moderna; desde o interior pódese acceder ó seu adarve por catro escaleiras exteriores e dúas ramplas encostadas, continuando unha delas nunha rampla interior. Coñécese a existencia dun foso exterior duns 20 metros de ancho e polo menos 5 de fondo, que completaría a defensa, dificultando a aproximación de máquinas de asedio ou a escavación de minas. Perdida a súa función militar, a Muralla romana de Lugo quedou plenamente integrada na estrutura urbana actual: rodea a cidade histórica e a súa adarve é un paseo, ou unha rúa peonil máis, dos que utilizan habitualmente os seus habitantes e visitantes. No adarve, coincidindo cos cubos orixinais, consérvanse escaleiras interiores de dobre tramo e traza imperial que o conectan co paramento interior, onde non alcanzan o terreo; distintas hipóteses interprétano como un recurso defensivo que permitía illar o recinto retirando as escaleiras ou ramplas móbiles que daban acceso ao primeiro chanzo. Na actualidade descubríronse e investigado arqueológicamente 22 destas escaleiras.