Un xigante de area que se move lentamente impulsado polos ventos do suroeste sen que nos deamos conta. Así é a duna móbil máis grande do noroeste de España cunhas medidas aproximadas, de 1 km de longo, 250 metros ancho e 15 de alto, que preside este Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán (un dos sete de Galicia, recoñecido oficialmente en 1992).
O enorme valor natural e paisaxístico deste lugar de case 1.000 hectáreas fará que nos namoremos del na primeira visita. É un excelente exemplo de complexo de barra-litoral, que acolle unha gran variedade de hábitats diferentes en bo estado de conservación e cun impresionante sistema dunar que se formou hai máis de 12.000 anos.
Poderemos bañarnos en augas do Atlántico ao longo de 5 km de praias areosas (A Ladeira, Ferreira, A Lagoa, O Vilar e Anguieiro). Cara ao interior pasearemos xunto ás barras de dunas que separan do mar a dúas preciosas zonas húmidas: a lagoa e marisma de Carregal (con auga salgada) e a lagoa de Vixán (de auga doce). As zonas asolagadas teñen ademais unha gran importancia internacional ornitolóxica debido ao paso de aves que aniñan no lugar. Na lagoa de Vixán hai un observatorio de aves.