Razo é desas praias que non se esquecen porque te recarga con toda a enerxía do mar aberto ao Atlántico.

Con todos os servizos, recoñecida con bandeira azul, dinámica e con múltiples posibilidades para o ocio e o deporte.

De douradas areas e solpores de intensas cores que morren detrás das illas Sisargas, este amplo areal é, ademais, un importante espazo protexido pola súa riqueza natural e paisaxística.

Razo agocha unha interesante sorpresa. É unha praia fósil!O areal existía xa hai miles de anos pero estaba moito máis elevado que na actualidade, aproximadamente á altura da zona verde hoxe en día habilitada para o paseo.

E é que no cuaternario, o desxeo dos cascos polares fixo que o nivel do mar subira de modo moi considerable.

Fíxate na zona de cantís. Non son de rocha dura, senón de pequenos cantos e area. Poderás ver neles os distintos estratos de terreo conformados polo paso do tempo.

E é que esta praia semella unha caste de organismo vivo. Nin sequera dun día para outro está igual, porque o traballo das mareas e da auga sobre a rocha é constante.

Imaxínate como puido variar co paso de tantos centos de anos!