Benvidos ao Ensanche e Pescaría, unha visita pola cidade de principios do século XX. Rúas nas que conviven luxosas fachadas de dous estilos da época, o sobrio estilo ecléctico e a modernidade herdada do Art Nouveau chegado de Europa. Descubre como, en moitas ocasións, os arquitectos mesturaron ambos os estilos nas súas fachadas.
Pasear polas rúas máis comerciais da cidade, situadas entre as praias e o porto, falaranche de como é hoxe o día a día no centro da Coruña e como eran aqueles tempos do esplendor burgués.
Presentámosvos A Coruña de 1900 e de hoxe.
Ano 1906
O mesmo ano que José María Rivera Corral funda na Coruña a súa fábrica de cervexa, La Estrella de Galicia, Ricardo Boán e Quellas remata o seu edificio modernista da popular rúa Barreira. O primeiro emigrara a Cuba e México; o arquitecto era natural de Cuba, esta coincidencia fala da importancia das américas e o mar nesta cidade burguesa chea, naquel entón, de luxosas casas de baños.
O ensanche
En 1883 A Coruña emprende a ampliación da cidade co ensanche nas actuais rúas da zona de praza de Lugo. Neste escenario, fóra de murallas, formado polo Ensanche e Pescaría*, a nova burguesía asociada aos negocios de ultramar, constrúe maxestosas vivendas que reflicten o seu poder económico. Marcaban, así, diferenzas coa aristocracia coruñesa que habitaba os palacetes da Cidade Vella. Nun principio, as súas vivendas son dun sobrio eclécticismo, e non é ata principios do século XX, cando os arquitectos introducen as primeiras pinceladas do novo e desenfadado estilo importado desde centroeuropa.
Na Coruña, o Modernismo transforma as tradicionais galerías, enchendo as fachadas de cor e alegría con elementos decorativos inspirados na formas da natureza e rostros femininos. A instalación da fundición Wonenburger na nosa cidade, enriqueceu os balcóns, portais e elementos decorativos co ferro como elemento artístico, e de identidade, no «Art Nouveau» coruñés.
*Pescaría é a zona comprendida entre a Cidade Vella, a enseada do Orzán, o porto e a actual rúa Juana de Vega.
Ensanche e Pescaría, varias rúas, A Coruña.