IGP Pemento de Oímbra

A agricultura foi desde sempre a principal ocupación dos habitantes da comarca de Verín, alentada por un microclima peculiar e pola fertilidade dos seus chans. Os pementos de Oímbra comezaron a cultivarse con técnicas moi arcaicas que aos poucos se foron perfeccionando. As formas de preparación do Pemento de Oímbra son enormemente variadas: fritos, recheos, asados,  guisados etc. Existe unha enorme tradición entre a poboación na elaboración de conservas caseiras. A receita máis tradicional consiste no envasado dos pementos asados, seguindo un proceso absolutamente artesanal e natural.

Medio Natural

A área de produción dos pementos amparados por a indicación xeográfica protexida Pemento de Oímbra está constituída pola totalidade da comarca ourensá de Verín. As condicións climáticas contribúen a crear un ambiente moi favorable para a produción hortícola, posto que todo o sector atópase protexido das frontes húmidas que chegan desde o oeste por serras que axudan a crear unhas condicións climáticas moi particulares (un topoclima), que resultan moi adecuadas para a produción de certos cultivos como a vide, a oliveira ou o pemento.

Descúbrenos

Os pementos amparados pola indicación xeográfica protexida Pemento de Oímbra son os froitos pertencentes ao ecotipo da especie Capsicum annuum, L, cultivado tradicionalmente na zona de produción.

Feira do Pemento de Oímbra Festa de Interese Turístico

Outra especialidade da horta galega, o pemento branco de Oímbra (Ourense), ten tamén a súa exaltación gastronómica e o seu recoñecemento como festa de interese turístico galego. Unha comida popular na Carballeira, o primeiro domingo de agosto, é o evento estrela do labor de promoción do pemento branco. Nos últimos anos está a conquistar os mercados galegos e é sinal de identidade desta localidade do xeodestino Verín-Viana. A festa leva celebrándose desde 1997 e atrae cada ano unhas 4.000 persoas.Aínda que o maior atractivo da feira é o momento da comida, na que veciños e visitantes degustan tanto pementos brancos como carne, empanada ou polbo, o ambiente está animado desde primeiras horas, con concursos de pratos elaborados con pemento branco, degustacións gratuítas de pementos, expositores de venda de produtos artesáns, do campo e ferramentas agrícolas, actuacións folclóricas e mesmo inchables para os nenos e nenas.