A Casa dos Mosaicos ou Domus Oceani, debe o seu nome ao magnífico mosaico coa cabeza do Deus Océanos descuberto na rúa onde se sitúa, Doutor Castro, en 1842. Esta sala museística está integrada polos restos pertencentes a unha gran domus ou residencia señorial romana, datada a finais do século III ou principios do IV d.C, de notables dimensións e ricamente ornamentada.

Sita no centro da cidade, moi preto do antigo foro, entre os restos da antiga domus podemos apreciar parte dalgunhas das súas dependencias; a gran sala de recepción (oecus) e a súa antesala, ambas as dúas pavimentadas con mosaicos de extraordinaria calidade (parte dos cales tamén podemos contemplar por baixo do pavimento da rúa nunha ventá arqueolóxica disposta a tal fin), un triclinium ou salón de inverno con hypocaustum que aseguraba a súa calefacción, os restos dun patio interior porticado e outros ámbitos menores. Na visita a esta sala museística pódense apreciar os vestixios de pintura mural que decoraban algunhas das estancias da domus.