Tashi Wada presenta What is not strange?

Se puidésemos describir a música de Tashi Wada cunha soa palabra, onírica sería quizá a opción máis acertada. Utilizando afinacións pouco convencionais, experimentando cos límites da distorsión instrumental e sen medo a aventurarse en estruturas de canción máis pop, o compositor explora estados de resonancia e disonancia para espertar diferentes realidades emocionais.

Afincado en Los Ángeles, creceu rodeado da escena vangardista Fluxus de Nova York. No piso de al lado vivía a coreógrafa Simone Forti e no de arriba o histórico Nam June Paik. Marilyn Bogerd, a súa nai, é artista visual e o seu pai é o lendario compositor Yoshi Wada, figura clave da música minimalista. Durante máis dunha década, pai e fillo formaron unha das parellas máis interesantes da música experimental e litúrxica, que culminou en Nue (2018), un disco que presentaron por todo o mundo.

Máis de cinco anos despois, Tashi Wada volve ós lanzamentos co que é o seu traballo máis vulnerable e introspectivo até a data. Escrito e gravado durante un período marcado pola morte do seu pai e o nacemento da súa filla con Julia Holter, What is not Strange? ve ó compositor reflexionar sobre a dicotomía de estar vivo e a mortalidade. Deixándose guiar pola música, este álbum presenta unha paisaxe case surrealista no que prosperan as formas densas e os contrastes. Acompañado en directo pola hipnótica voz de Julia Holter e a percusión de Corey Forgel, Tashi Wada entrelaza capas vocais, efectos de sintetizador e arranxos detallados, atopando un equilibrio entre o introspectivo e o expansivo.