Tras quince anos xuntos, Ale, director de cinema, e Alex, actor, chegan á conclusión de que a súa relación chegou ó seu fin. Como a decisión é mutua e a amizade entre ambos se mantén, e baseándose nun chiste do pai de Ale («Hai que celebrar cando as parellas rompen, non cando empezan»), deciden organizar unha «festa de ruptura», que deixa perplexos ós seus amigos e familiares. Explorando a complexidade dos sentimentos e o seu posible renacemento, cunha fibra melancólica que conmove ó espectador, Trueba redefine os códigos da comedia de segundas nupcias nesta película da súa madurez.