A igrexa de San Xulián de Astureses é a igrexa parroquial de Astureses, no concello de Boborás. É unha igrexa románica do século XII, de reducidas dimensións e bastante ben conservada.

A igrexa, que puido fundarse no ano 1164 segundo data inscrita detrás do retablo principal. Segundo consta documentalmente, só está acreditada a presenza no lugar da Orde do Santo Sepulcro, adquirindo grande importancia a mediados do século XV por ser cabeceira de encomenda ata que é substituída pola Orde de San Xoán de Xerusalén, pasando a depender entón da encomenda de Pazos de Arenteiro.

Do antigo conxunto orixinal unicamente se mantén en pé a igrexa románica, de finais do século XII, ben conservada. Posúe planta de cruz latina dunha soa nave, formada por catro corpos limitados por grosos contrafortes que apenas sobresaen do muro exterior simulando columnas. Sobre a nave unha cuberta de madeira a dúas augas. Tamén é de madeira o coro alto, de feitura posterior, que ocupa o primeiro tramo e parte do segundo da nave. A cabeceira rematada en tres ábsidas semicirculares, a central destacada, ábrese ao exterior a través de estreitos e espigados vans con arcos de medio punto sostidos por seis pequenas columniñas. Dos capiteis nacen arcos faixóns levemente apuntados e cunha lixeira tendencia á ferradura, sobre os cales pode que anteriormente estivese apoiada unha bóveda de canón, mais na actualidade só se preservan os arranques até a altura dos beirados exteriores

É considerada BIC desde o 29 de marzo de 1946.