No municipio de Ribadeo a rasa cantábrica regálanos un dos seus maiores prodixios xeolóxicos: a praia de Augasantas, máis coñecida como As Catedrais. Un espazo natural que nos últimos tempos se converteu nunha visita imprescindible para o viaxeiro que se achega á provincia de Lugo. Integrada na Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón, As Catedrais forma tamén parte da Rede Natura 2000 e foi declarada Monumento Natural no ano 2005.
Neste espazo natural, as augas do Cantábrico esculpiron os cantís de lousa e cuarzo dando lugar a fracturas e formacións de covas e arcos mariños de gran singularidade que semellan os arbotantes dunha catedral gótica, un lugar de gran beleza en constante cambio.
A Praia das Catedrais, tanto pola súa dotación de servizos como pola calidade dos seus parámetros ambientais foi distinguida coa Q de Calidade Turística, a Bandeira Azul e coas certificacións EMAS e ISO 14001.
A visita a este espazo natural está limitada en tempada alta, sendo necesario obter previamente o correspondente pase de acceso. Ademais, para gozar da visita na súa plenitude, recoméndase realizala con marea baixa para adentrarse nas súas covas e sentir a grandeza do lugar onde o mar deu forma aos seus antollos.