Integra os municipios que acollen as comarcas de A Fonsagrada e Os Ancares: Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro. A estes, engádenselle os de Ribeira de Piquín, Pol, Meira, Sarria e Láncara. Dende o punto de vista xeográfico, atopámonos ante un territorio marcado por grandes contrastes, dando lugar a un mosaico de paisaxes que combina territorios de montaña (A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Os Ancares), con vales agrícolas como Meira, Pol e Sarria, e onde domina a presenza de cursos fluviais como o Miño, Eo e Navia. As oscilacións altitudinais son notables, variando entre os máis de 1900 metros do Pico Mustallar e os 450/500 metros de media na contorna dos municipios de Pol e Meira.
Os valores do patrimonio natural póñense de manifesto nas diferentes figuras de protección que supoñen un recoñecemento internacional dos hábitats naturais do xeodestino, exemplificadas nas Reservas da Biosfera Terras do Miño, Ancares Lucenses e Montes de Cervantes Navia e Becerreá e Eo, Oscos e Terras de Burón, que acollen espazos naturais como a Serra de Meira, e outros protexidos ao abeiro da Rede Natura 2000: Carballido, A Marronda, Negueira, Ancares e Cruzul- Agüeira e Río Eo.
No que se refire ao patrimonio cultural, sobresaen as mostras de arquitectura popular que reflicten a vida tradicional na montaña lucense, como é o caso das pallozas de Piornedo e O Cebreiro, os hórreos, alvarizas e as ouriceiras.
Como testemuña do esplendor medieval, chegaron ata os nosos días vestixios de fortalezas que permiten reconstruír a pegada de familias nobiliarias como os Condes de Altamira, os Valcárcel ou os Condes de Sarria. É o caso da fortaleza da Pobra de Burón, o Castelo da Proba de Navia, Torre de Doncos, Castelo de Doiras Torre de Torés, Torre de Sarria. Do patrimonio relixioso cómpre destacar a igrexa cisterciense de Santa María de Meira, a igrexa de Santa María a Real do Cebreiro, a igrexa de Santo André nas Nogais, o convento de Penamaior de Becerreá ou as igrexas de San Salvador e Santiago de Barbadelo de Sarria.
Ademais, os Camiños de Santiago Primitivo e Francés, declarados Patrimonio da Humanidade, vertebran o territorio e actúan como fío condutor entre a paisaxe e o seu legado histórico e patrimonial.
No relativo ao patrimonio inmaterial, destacan as citas gastronómicas que renden homenaxe aos produtos locais como a androlla de Navia de Suarna, o queixo do Cebreiro, o butelo da Fonsagrada, a empanada nas Nogais, o viño de Negueira de Muñiz ou a tenreira galega de Láncara
DESTACADOS EN ANCARES – TERRAS DE BURÓN
- ALDEA DE PIORNEDO (CERVANTES)
- CASTELO DE DOIRAS (CERVANTES)
- CONXUNTO MONUMENTAL DO CASTELO E PONTE MEDIEVAL SOBRE O RÍO NAVIA EN NAVIA DE SUARNA
- A FRAGA DA MARRONDA EN BALEIRA
- SEIMEIRA DE VILAGOCENDE E MUSEO ETNOGRÁFICO DA FONSAGRADA
- CONXUNTO HISTÓRICO- ARTÍSTICO DO CEBREIRO
- RÍO NAVIA AO SEU PASO POR NEGUEIRA DE MUÑIZ
- CASTRO DE SANTA MARÍA DE CERVANTES
- MOSTEIRO DE SANTA MARÍA DE MEIRA E PEDREGAL DE IRIMIA (NACEMENTO DO MIÑO)
- BOSQUE DOS GROBOS EN BECERREÁ
- CASCO HISTÓRICO DE SARRIA
- VIA KÜNIG
- CAMIÑO PRIMITIVO E CAMIÑO FRANCÉS