A provincia de Lugo está situada no nordeste da Comunidade Autónoma de Galicia, sendo á máis extensa das catro que a compoñen.
Trátase dun territorio moi diverso no que atinxe ás diferentes paisaxes que abarca: dende a franxa costeira, pasando polas montañas dos Ancares e do Courel, a gran chaira que conforman os concellos da Terra Chá, a cidade de Lugo –capital da provincia-, a depresión de Lemos e ata a Ribeira Sacra; a súa riqueza natural, social e cultural faise patente.
En Lugo, aínda que o sector primario foi dende o pasado o motor económico provincial, hoxe vivimos un proceso de terciarización económica onde os servizos e a industria gañaron participación porcentual á agricultura, á pesca e á gandería.
Dentro do patrimonio cultural máis representativo destaca a muralla de Lugo, construída polos romanos entre os séculos III e IV. Trátase do único monumento do mundo destas características que conserva todo o seu perímetro. Tampouco podemos esquecer os catro Camiños de Santiago oficiais que se estenden polo territorio, converténdoo na provincia española con máis quilómetros de rutas xacobeas.