Gardiáns da sabedoría, os costumes, a cultura e a historia dos pobos de África Occidental, os griot son herdeiros dunha tradición oral bimilenaria. Son músicos, poetas, historiadores e narradores, encargados de preservar a memoria colectiva e o patrimonio cultural das súas comunidades. Acompañados de instrumentos como a kora, o balafón, o ngoni ou o djembé, os griot memorizan historias e logo devólvenllas ó pobo, vinculando pasado e presente e conectando á xente coas súas raíces e a súa identidade cultural.
Rendendo homenaxe á figura do griot, esencial nas comunidades de África Occidental, e inspirado no lendario álbum de Don Cherry Organic Music Society (1972), GRIOT 3000 reafirma o jazz e a súa herdanza africana a través dun diálogo entre legado e innovación. Dirixido polo artista brasileiro da palabra falada Rodrigo Brandão -que colaborou con artistas da talla de DJ Prince Paul (Da Soul), Pharoah Sanders, Brian Jackson e a Sun Ra Arkestra-, este proxecto reúne a seis músicos improvisadores alleos ó jazz nunha formación sen precedentes. O senegalés Dudù Kouate, mestre do ritualismo africano, colaborador de Moor Mother e membro do Art Ensemble de Chicago, encárgase da percusión. Á trompeta está o portugués Luís Vicente, nome clave do jazz nacional.
A alquimista Carla Santana, tamén coñecida como Quatroconnection, encárgase da electrónica. O brasileiro Thiago Costa, líder de Onça Combo, ocupa un lugar na guitarra. Completa o colectivo o mestre griot da kora Braima Galissá, considerado un dos mellores músicos da cultura mandinga de Guinea-Bissau.