Muras prepara a VIII Romaxe Artesá da Chaira, que se celebrará o vindeiro 25 de maio na área recreativa da Veiga coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A  área recreativa da Veiga acollerá arredor de 25 postos de artesanía, con diferentes actividades pensadas para dinamizar o espazo e fomentar a participación e a interacción do público. Entre elas, unha demostración da Asociación de Mulleres de Insúa, que recuperaron o cultivo e os traballos tradicionais do liño, obradoiros de coiro con Tres Caracoles, de elaboración de complementos coas redeiras artesás de Illa da Estrela e de cestería aplicada ao interiorismo e á iluminación coa artesá e deseñadora Julia de la Cal de La Parabólica, así como unha charla do divulgador Luís do Río, estudoso dos “sancosmeiros”, que conta cunha gran proxección nas redes sociais. As Mulleres Rurais de Muras tamén mostrarán na Romaxe as pezas de madeira e coiro que realizaron nos cursos de obradoiros de artesanía que desenvolven ao longo do ano.

No tocante á programación musical, a Romaxe Artesá da Chaira contará coas actuacións de Fillas de Casandra, do grupo de voz e percusión Pan Sen Fron e de Mekanika Rolling Band, e cos espectáculos musicais de Peter Punk e Brais das  Hortas, pensados para o público infantil.