A Mariña Lucense está formada polos municipios de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove. Neste territorio, delimitado polo mar Cantábrico ao norte e a Serra do Xistral ao sur, atopamos paisaxes de interese natural protexidas ao abeiro de figuras de ámbito internacional e nacional, bens do patrimonio cultural, centros históricos e unha gastronomía intimamente ligada á cultura mariñeira.
No que se refire ao patrimonio natural, os máis de 100 quilómetros de litoral acollen unha sucesión de areais, portos pesqueiros e deportivos e pobos costeiros como Ribadeo, Foz, Burela, San Cibrao e Viveiro, que son unha referencia para o turismo estival. Esta liña costeira presenta ademais un alto valor xeolóxico que se fai patente na rasa litotal que se estende desde Ribadeo ata Burela e que conta con lugares destacados como a Praia das Catedrais-Augasantas, declarada Monumento Natural.
Pero máis aló do litoral, a riqueza medioambiental da Mariña Lucense móstrase no mosaico de ecosistemas que forman os diversos espazos naturais que contan con algunha figura de protección, caso da Reserva da Biosfera Eo-Oscos e Terras de Burón, a Reserva da Biosfera Terras do Miño ou a Rede Natura 2000, coas Rías de Ribadeo, Foz e Fazouro, a praia das Catedrais, a Serra do Xistral, co maior conxunto de turbeiras de cobertor do sur de Europa, a ZEPA Costa da Mariña Occidental, a Fraga de Carballido, o Río Landro, Monte Maior, o Monumento Natural do Souto da Retorta en Viveiro ou a Cova do Rei Cintolo en Mondoñedo.
No que se refire ao patrimonio cultural, sobresaen os cascos históricos medievais de Viveiro e Mondoñedo, cuxa catedral está declarada Patrimonio da Humanidade. No que se refire ao casco antigo de Ribadeo, é testemuña da puxanza económica vivida ao abeiro da Ilustración e, posteriormente, da pegada dos legado indiano. O Camiño Norte de Santiago, Patrimonio da Humanidade dende o 2015, describe un trazado dende Ribadeo ou Trabada ata Mondoñedo, serve tamén como como fío condutor para visitar lugares de interese monumental como o mosteiro de San Salvador de Lourenzá.
Outros significativos recursos patrimoniais da Mariña son a basílica románica de San Martiño de Mondoñedo, considerada a catedral máis antiga de España; a fortaleza de Tovar de Lourenzá, vestixios arqueolóxicos como o castro de Fazouro e enclaves que permiten seguir os pasos de persoeiros ilustres como o Mariscal Pardo de Cela ou a fábrica de Sargadelos, fundada polo Ilustrado Antonio Raimundo Ibáñez, que constitúe un dos máis relevantes bens do patrimonio industrial na provincia de Lugo.
Sen deixar de mencionar a relevante presenza de máis de 40 talleres artesáns e de museos ligados á cultura Mariñeira e gastronómica, ao patrimonio literario ou á arte sacra, na Mariña Lucense destaca tamén o patrimonio inmaterial, singularizado nas 16 festas que gozan da distinción de Interese Turístico, entre as que, polo seu recoñecemento internacional sobresae a Semana Santa de Viveiro e aquelas que renden homenaxe aos produtos locais como o bonito de Burela, a pescada do Pincho de Celeiro ou a Faba de Lourenzá.
DESTACADOS DA MARIÑA LUCENSE
- PRAIA DAS CATEDRAIS
- CONXUNTOS HISTÓRICOS DE MONDOÑEDO, RIBADEO, VIVEIRO E SARGADELOS.
- COVA DO REI CINTOLO EN MONDOÑEDO
- SOUTO DA RETORTA EN VIVEIRO
- RUTA DOS FORNOS E TIROLESA DAS MINAS DA PONTENOVA
- OS CANTÍS DE PAPEL E O FARO DA RONCADOIRA EN XOVE
- CASTRO DE FAZOURO EN FOZ
- BASÍLICA DE SAN MARTIÑO DE MONDOÑEDO EN FOZ
- MOSTEIRO DE SAN SALVADOR E CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA FABA DE LOURENZÁ
- FERVENZAS – A Férrea (A Pontenova), A Fervenza e Salto do Coro (Mondoñedo), Escouridal (Xove-O Valadouro), Pozo da Onza (O Valadouro), Pozo da Ferida (Xove-Viveiro), Guilán (Xove), Xestosa (Ourol) e Santo Estevo do Ermo (Barreiros).
- CAMIÑO NORTE (PATRIMONIO DA HUMANIDADE).
- CAMIÑO NATURAL DO CANTÁBRICO.
- RUTA DO FERRO DE RIOTORTO.