Situada no sector norte interior da provincia de Lugo, a Terra Chá constitúe a comarca máis extensa de Galicia e abarca os municipios de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza e Vilalba. Dende o  punto de vista xeográfico, o territorio destaca pola súa planicie, acollendo unha paisaxe na que predominan terras agrícolas e pastizais enmarcados por elevacións montañosas que delimitan os seus rebordos naturais: a Cova da Serpe e a Serra da Loba polo oeste; as Serras da Carba, O Xistral e A Toxiza polo norte e o Cordal de Neda e as estribacións da Serra de Meira polo leste.

 

No que se refire ao seu patrimonio natural, o territorio atópase integrado na Reserva da Biosfera Terras do Miño, converténdose o seu curso fluvial nun eixo vertebrador. A Terra Chá acolle unha gran superficie de humidais, tanto de montaña (destacando os brezais húmidos e turbeiras de cobertor do Xistral), como de concas sedimentarias (o denominado complexo húmido da Terra Chá, coas lagoas de Cospeito, Caque, Riocaldo, Seixas, O Toiral, Santa Cristina e os prados da Espiñeira, ás que se suman lagoas kársticas como a de Fonmiñá). Estes ecosistemas acollen un bo número de especies protexidas polas Directivas Europeas da Rede Natura 2000 que se concentran fundamentalmente na Zona de Especial Conservación Parga Ladra Támoga.

 

Mención especial merece o patrimonio termal, que ten no Balneario de San Xoan de Lagostelle de Guitiriz e nas fontes de Pardiñas e Valdovín destacados elementos identitarios ligados aos usos tradicionais das augas mineiromedicinais.

 

En canto ao seu patrimonio cultural, a Terra Chá acolle xacementos arqueolóxicos que abarcan dende o Paleolítico ata o período castrexo tardío. Exemplos sobresaíntes son os abrigos como o da Pena do Inferno en Muras, Pena Grande de Bordelle, a roza das modias, a necrópole de Buriz, o castro de Saa ou o castro de Viladonga, considerado modelo formal de castro de interior.

 

A Terra Chá integra un gran número de bens históricos, entre os que destacan fortalezas como a dos Andrade en Vilalba, a Torre da Caldaloba en Cospeito, o castelo de Parga en Guitiriz e recursos do patrimonio relixioso como a igrexa de Bretoña, Santa María de Abadín, Santa María de Vilalba ou os Vilares, Labrada ou San Alberte en Guitiriz. A este patrimonio cultural cómpre sumar as mostras de arquitectura popular ligadas ao uso tradicional dos recursos naturais (hórreos, caneiros, muíños). Ademais, a UNESCO recoñeceu como Patrimonio da Humanidade en 2015 o Camiño Norte, que atravesa o xeodestino polos municipios de Abadín, Vilalba e Guitiriz.

 

Dentro do patrimonio inmaterial, pola súa relevancia turística, cómpre destacar as festas ligadas principalmente á relixión, á artesanía e á exaltación dos produtos locais, como é o caso do San Ramón en Vilalba, os Milagres de Saavedra, a feira do queixo de San Simón, a feira do capón de Vilalba, Expogrelo e a Feira de Santos de Gontán, a feira do poldro de Muras, a tasca do liño de Insua, o Belén Electrónico de Begonte (declarado Festa de Interese Turístico de Galicia) ou o encontro internacional de Torneiros de Xermade.

 

DESTACADOS DA TERRA CHÁ

  1. CASTRO DE VILADONGA EN CASTRO DE REI
  2. TORRE DOS ANDRADE EN VILALBA
  3. LAGOA DE COSPEITO
  4. BALNEARIO DE SAN XOAN DE LAGOSTELLE E RUTA DA AUGA DE GUITIRIZ.
  5. BELÉN ELECTRÓNICO DE BEGONTE
  6. LAGOA DE FONMIÑÁ NA PASTORIZA.
  7. MURAS POBO STARLIGHT
  8. PARQUE EÓLICO EXPERIMENTAL DE SOTAVENTO EN XERMADE
  9. CAMIÑO NORTE
  10. SERRA DO XISTRAL