Integrado no sur das Serras Orientais Galegas, O Courel abrangue os municipios de Folgoso do Courel, Samos, Triacastela e O Incio. Dende o punto de vista xeográfico, a paisaxe do territorio atópase dominada pola orografía das Serras de Oribio e do Courel, destacando a alternancia entre a sucesión de vales fluviais encaixados (como o do Río Lor) e elevacións nas que sobresaen os cumios de Formigueiros e Pía Paxaro.
No que se refire ao Patrimonio Natural, o territorio está declarado Reserva da Biosfera e forma parte da Rede Natura 2000 no marco da Zona de Especial Conservación Ancares- Courel. Ademais, o municipio de Folgoso do Courel está Integrado no Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel. Xunto aos hábitats naturais, entre os que destacan as devesas como a da Rogueira ou Romeor, o territorio acolle tamén hábitats seminaturais de gran valor ambiental, como os bosques de castiñeiros, ou os distintos tipos de sistemas de prados de sega e prados de dente, que serven de sustento á flora e fauna.
En canto ao patrimonio cultural, destacan os xacementos arqueolóxicos ligados ao megalitismo (necrópole de Santa Mariña) e, sobre todo, á minería romana, como é o caso dos castros da Torre e Vilar, ou minas como A Toca.
Igualmente, cómpre mencionar as singulares concentracións poboacionais que son unha mostra representativa da vida tradicional na montaña lucense, como é o caso das aldeas de Seceda, Foxán e Ferrería do Incio, xunto con bens do patrimonio etnográfico que evidencian a estreita relación entre as persoas e o medio natural: sequeiros, ouriceiras, alvarizas, ferrerías…
O Camiño Francés, Patrimonio da Humanidade, actúa como estruturador do territorio atravesando os municipios de Triacastela e Samos, onde no século VI se levantou o mosteiro hoxe beneditino considerado o máis antigo de occidente. A este patrimonio relixioso súmanse as igrexas de Santiago de Triacastela, Cruz do Incio, San Eufrasio e San Pedro Fiz de Hospital, románica e construída en mármore e pedra caliza local. Ademais, cómpre mencionar o legado literario de poetas como Uxío Novoneyra, coa súa casa museo en Parada do Courel, e Fiz Vergara Vilariño, protagonista dunha ruta literaria en Lóuzara.
No relativo ao patrimonio inmaterial, a festa da Castaña do Courel e o Filandón de músicas están declaradas de Interese Turístico. A estes eventos súmanselles a pisa da castaña de Froxán, ou a romaxe de Santa Lucía na Cervela.
DESTACADOS DO COUREL
- ALDEAS DO COUREL (SECEDA, FROXÁN)
- MOSTEIRO DE SAMOS E CAPELA DO CIPRÉS
- IGREXA DE SAN PEDRO FIZ DO HOSPITAL E ALDEA DE FERRERÍA NO INCIO
- CASTRO DA TORRE EN FOLGOSO DO COUREL
- CASTELO DE CARBEDO EN FOLGOSO DO COUREL
- DEVESA DA ROGUEIRA EN FOLGOSO DO COUREL
- IGREXA DE SANTIAGO DE TRIACASTELA
- RUTAS DE SENDEIRISMO
- AULAS DA NATUREZA E CENTROS DE INTERPRETACIÓN (CENTRO DE INTERPRETACIÓN DAS COVAS DE MEIRAOS, AULA DA NATUREZA DA DEVESA DA ROGUEIRA)
- FERVENZAS E POZAS
- CAMIÑO FRANCÉS