A Ribeira Sacra lucense abarca os seguintes trece municipios do sur da provincia de Lugo: A Pobra do Brollón, Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, O Saviñao, Pantón, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober e Taboada.

 

Dende o punto de vista xeográfico, este territorio acolle os profundos vales fluviais que o Sil e o Miño escavaron ao seu paso por estas terras. Durante a Idade Media, diferentes comunidades relixiosas elixiron este espazo como lugar de retiro espiritual fundando mosteiros e inciando a labor do cultivo da vide, unha actividade que, aprovetando as condicións vantaxosas que ofrece o desnivel do terreo e o microclima dos vales fluviais, pervive nos nosos días como o mellor exemplo de convivencia entre a paisaxe e a veciñanza dun territorio declarado Paisaxe Cultural e Reserva da Biosfera que no ano 2026 será o candidato de España á declaración de Patrimonio da Humanidade.

Os valores ambientais do territorio atópanse recoñecidos ademais por diferentes figuras de protección que abarcan aqueles espazos de maior singularidade biolóxica e xeomorfolóxica: a Zona de Especial Conservación Río Cabe, o Monte Faro, o Canón do Sil ou o Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, con formacións naturais de notable valor científico como o Pregamento de Campodola Leixazós, declarado Monumento Natural.

No que se refire ao Patrimonio Cultural, a Ribeira Sacra constitúe un dos enclaves de maior concentración de románico rural do continente europeo, un valor ao que se suman outros bens que testemuñan o paso de diferentes culturas polo territorio ao longo da historia, caso do túnel de Montefurado ou castros como o de Cereixa ou Fión, ademais do Camiño de Santiago, presente con dúas rutas oficiais, Francés e de Inverno, os cascos históricos de Monforte e Chantada e a significativa oferta museística na que sobresaen equipamentos  culturais como o Ecomuseo de Arxeriz, o Museo do Ferrocarril, o Centro do Viño, o Pazo de Tor ou os Museos Xeolóxico e Etnográfico de Quiroga ou a Rectoral de Gundivós, con mostras de olaría en vivo.

No que se refire ao patrimonio inmaterial, na Riberia Sacra destacan fundamentalmente as festas de exaltación dos produtos gastronómicos locais, principalmente o viño con Denominación de Orixe Protexida (Sober, Pantón, Quiroga, Chantada), o aceite e o mel (Quiroga), a carne ao caldeiro (Carballedo), o caldo de ósos (Taboada), a augardente (Portomarín) e a cereixa en Ribas de Sil e Belesar, ás que se suman a outras manifestacións culturais singulares como o Entroido Ribeirao, o Oso e Salcedo, o Folión de Carros ou a Queima das fachas en Taboada (Castelo) e O Saviñao (Vilelos).

DESTACADOS DA RIBEIRA SACRA LUCENSE

  1. PAISAXES DA AUGA: CANÓNS DO SIL E DO MIÑO
  2. CASCOS HISTÓRICOS DE PORTOMARÍN, CHANTADA E MONFORTE DE LEMOS
  3. RUTAS FLUVIAIS POLO MIÑO E SIL
  4. RUTA DOS MIRADOIROS (RÍOS SIL E MIÑO)
  5. ARTE ROMÁNICO
  6. ENOTURISMO: VISITA A ADEGAS
  7. TURISMO ACTIVO/ DEPORTIVO (sendeirismo, deportes acuáticos, golf, hípica…)
  8. OLARÍA DE GUNDIVÓS
  9. MUSEOS
  10. FERVENZAS (AUGACAÍDA, FONDÓS, RUTA DAS FERVENZAS DE QUIROGA)
  11. MURAIS DE ARTE URBANO E ESGRAFIADOS
  12. CAMIÑOS DE SANTIAGO (CAMIÑO FRANCÉS E DE INVERNO)