A Festa da Dorna é unha das expresións de orixinalidade festiva máis contundentes e prolíficas do mundo. Nos seus máis de 70 anos de existencia ten conformado un impresionante abano de actividades do máis singular e a súa historia reflicte que os/as impulsores/as parecen contaxiarse dun incansable e insaciable espírito innovador. Todo pola festa.
Como actividades dorneiras, cheas de ironía e retranca, figuran o ‘Baile de gala’, ‘Exame de patróns’, ‘Top Secret’, ‘Rejata de embarcasións feitas á machada e propulsadas a pan de millo’, ‘Sertame itinerante de canción de tasca’, ‘Enjalanamento de fanequeiras’, ‘Jran premio Ícaro de vó sen motor’, ‘Romaría das peñas’ ou o coñecido ‘Jran Prix de carrilanas’ no que o humor prima sempre sobre a velocidade. As grandes protagonistas son as peñas dorneiras. Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, desenvólvese ó redor do 24 de xullo.