O Palacio Municipal é un edificio modernista construído entre os anos 1908 e 1912, que ocupa a fronte norte da praza de María Pita. Foi inaugurado polo rei Alfonso XIII en 1927. Nel atópanse diversas dependencias administrativas do concello.

O proxecto inicial deste edificio de cantería galega foi iniciado por Pedro Mariño, cunha superficie en planta de 2.300 metros cadrados. Ten 3 plantas e ático. A súa fachada levantouse ao longo dunha fronte de 64 metros, ten 43 xanelas abertas ao exterior e no seu corpo interior ábrense 15 arcadas que serven a uns amplos soportais.

Na súa primeira planta atópase a zona nobre, que conta con varios salóns, o Vermello, o Azul e o Dourado, este último, con relevos na fronte dos asentos, que relatan os feitos históricos máis importantes da cidade. Tamén na primeira planta se encontran o Museo dos Reloxos e a Galería dos Alcaldes, un corredor onde cada un dos alcaldes da cidade ten o seu retrato, cada un dun autor e un estilo diferentes, moitos pousaron de traxe, algúns de frac e outros, como Liaño Flores, coa toga de avogado.

Destaca o despacho da Alcaldía, e na mesma planta as salas de reunión de concelleiros/as, con magníficas pinturas de artistas galegos/as. Tamén cabe destacar a escalinata de honra que comunica a Alcaldía co Salón de Plenos, esta foi inaugurada en 1955 por Francisco Franco e a súa esposa, Carmen Polo.

A segunda planta alberga oficinas e despachos e no ático é onde antigamente estaba situada a vivenda do conserxe.

Na fachada hai talladas catro estatuas de pedra branca que representan as catro provincias galegas: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Na parte superior pódese ver o escudo da cidade franqueado por dúas matronas que para algunhas persoas significan Paz e Industria e para outras Traballo e Sabedoría, ademais dunha lenda coa seguinte inscrición: «Moi nobre e moi leal cidade da Coruña, cabeza, garda e chave, forza e antemural do reino de Galicia».

Na Torre máis alta albérganse o reloxo e as campás feitas dunha aliaxe de bronce e estaño; pesan máis de 1.600 quilos.

As medidas da praza de María Pita son 112 m por 99,50 m. Os 112 m son os dous lados paralelos á fachada do Palacio Municipal; os 99,50 m son os que corresponden aos lados laterais do edificio do concello.