O Magosto é unha celebración de orixe pagá que honraba a chegada das colleitas do outono. Unha tradición que en Ourense arraigou profundamente, converténdose nunha das celebracións máis senlleiras da cidade, até o punto de que en 2008 foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.
Durante o mes de novembro, en especial o día 11 (día de San Martiño, patrón da cidade), os montes próximos énchense de fogueiras ao redor das que reunirse con familia e amigos para festexar un Magosto. Calquera escusa é boa para saír ao campo, prender un lume e gozar dos produtos de tempada: chourizos, viño novo, licores e sobre todo castañas.
A castaña é a auténtica protagonista do Magosto, posto que non poden faltar asadas entre as brasas das súas fogueiras. Durante séculos este froito foi un dos alimentos básicos da dieta galega. En Ourense conserva un posto destacado grazas aos numerosos soutos (bosques de castiñeiros) que existen na provincia. Boa mostra da súa importancia é a existencia dunha potente industria transformadora que comercializa produtos derivados da castaña por todo o mundo. Mención especial merecen o marrón glacé e a torta de San Martiño, que farán as delicias dos máis larpeiros.
Fogueiras, castañas e chourizos asados son os elementos básicos do Magosto, unha das festas máis senlleiras de Ourense.